Hai momentos nos que me gusta estar soa, porque só estando soa oio como as pingas de auga deciden o mellor instante para se lanzaren desde as nubes, e só así podo cheirar o verde do campo…
A protagonista desta historia fala en primeira persoa e ao paso que nos guía polas súas percepcións, cóntanos os seus sentimentos. Por momentos, comprendémolos e somos cómplices da súa intimidade, desa sensación de liberdade que a invade ao estar soa e poder facer cousas coma falar coas libélulas, contarlle segredos á lúa, escoitar a música do silencio…
A miúdo se asocia a soidade con sentimentos negativos, mais resulta un concepto complexo de explicar, xa que este estado posúe valores ben diferentes: tristeza, abandono, perda máis tamén tranquilidade, satisfacción, benestar, creación…
Podemos considerar a soidade, un problema cando non a eliximos, non sabemos convivir con ela, ou saír dela pero tamén pode ser unha experiencia necesaria, unha oportunidade para coñecernos a nós mesmos, os nosos pensamentos, os nosos soños…
Idioma: Galego